Concurso: “Pon o galego na túa boca”

Bases concurso de chapas

Con motivo das Letras Galegas o equipo de Biblioteca mailo de Dinamización da Lingua Galega veñen de convocar un concurso baixo o lema: “Pón o galego na túa boca”. Os alumnos/as participantes deberán deseñar o debuxo, dixital ou manualmente, para unha chapa, tipo pin, que faga referencia ao lema do concurso.

Xa nos chegaron algúns dos debuxos que fixeron e, entre eles, farase unha selección dos mellores para logo facer a chapa. A nosa intención é que estea rematada para finais do mes de maio e poder repartila entre os alumnos/as do centro e, tamén, entre as casetas das librarías que están instaladas na Praza Maior de Lugo. Concienciar da importancia da lectura e, fundamentalmente, da lectura en lingua galega.

LETRAS GALEGAS 2017: Colaboramos con El Progreso, o xornal de Lugo

Neste curso colaboramos co xornal El Progreso no suplemento que para tal ocasión sacou este diario. Fixemos poesías, murais conxuntos e colaborativos, nubes de palabras con Tagxedo, gravamos un video e fixemos unha presentación conxunta do que son para nós as Letras Galegas. Aquí podedes ver os traballos que fixemos e uns enlaces ás páxinas do xornal …

 

 

 

 

 

 

 

 

 

MAKING OF DOS TRABALLOS REALIZADOS

O pase de diapositivas require JavaScript.

Semana do Libro: Xosé Miranda na Biblioteca

Dentro da Semana do Libro, os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria, tivemos un encontro no colexio con Xosé Miranda Ruiz, un escritor lucense e tamén profesor de bioloxía nun instituto da nosa cidade. O motivo da visita era contar algunhas historias ou contos, dentro do PDI, que temos neste curso na Biblioteca. Investigador da literatura galega de tradición oral publicou numerosas recolleitas de contos e con Antonio Reigosa e Xoán Ramiro Cuba. Aínda que tamén tivemos ocasión de coñecer máis detalles sobre a literatura, a súa vida, os seus gustos… Durante as dúas horas, aproximadamente, que estivo con nós, contounos e deleitounos con varios relatos fantásticos sobre o lobo, sobre os pelos do diaño e, algúns mais. Pasámolo moi ben, foi moi divertido e disfrutamos moito…!!

O pase de diapositivas require JavaScript.

SEMANA DO LIBRO 2017: Ana Meilán, autora de “Lágrimas bajo la cama” visita a nosa biblioteca

Na semana do libro tivemos a oportunidade de contar coa autora do libro “Lágrimas bajo la cama”, Ana Meilán, que ademais é mamá de dous alumnos deste colexio.  Ana relatou aos alumnos e alumnas de 2º e 4º de primaria e, logo, en Infantil, as aventuras e desventuras de Simón, o neno protagonista do seu libro. Trátase dun conto autoeditado que é unha auténtica marabilla e cun personaxe entrañable que aquí nos conquistou a todos e a todas. Aquí e en moitas outras bibliotecas,  porque a primeira edición está case esgotada!

O conto fala con moito agarimo, tenrura e respecto sobre as emocións, en especial a tristeza, e como ás veces os pequenos só saben expresar o que senten a través do pranto. Á vez, fainos reflexionar sobre o perigo de reprimir as nosas emocións. O conto está cheo de detalles por descubrir e ademais móstranos unha sociedade igualitaria e sen estereotipos de xénero, onde un home pode chorar ou unha muller arranxar un cano.

O conto nárranos a historia de Simón, un neno que desde ben pequeno chora por todo. Por tantas cousas chora Simón que chega a desesperar un pouco aos que viven ao seu ao redor, por iso todos acaban dicíndolle sempre: “Simón es un llorón!”. Dixéronllo tantas veces que decidiu non chorar máis e gardar as bágoas de todas as persoas porque creu que así era mellor, cando a alguén se lle caía unha bágoa, ía co seu pano, recollíaa e logo gardábaa en botes que tiña debaixo da cama. Un día, fixouse en que as persoas se comportaban de maneira estraña, non reaccionaban cando un bebé tiña fame ou soño, cando un adulto estaba triste,  ata que entendeu que as persoas necesitan estar tristes ás veces, chorar e expresar os seus sentimentos sexan cales sexan porque tamén se pode chorar de alegría.

O pase de diapositivas require JavaScript.

DÍA MUNDIAL DO LIBRO 2017

Coma en anos anteriores, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita, co gallo do Día Mundial do Libro, un pequeno marcapáxinas cun texto orixinal dun autor ou autora galega. Nesta ocasión é Rosalía Fernández Rial a poeta que agasalla co seu texto sobre o libro e a lectura ás Bibliotecas Escolares de Galicia.
Rosalía lévanos co libro ao mundo da palabra, da música, da maxia, do imprescindible aire para respirar.

Fonte: http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/