ENCONTRO CON ERICA ESMORÍS

O xoves, 5 de maio, os nenos e nenas de 6º de primaria recibían con moitísima ilusión a visita de Érica Esmorís, a autora do libro que estiveron lendo e traballando este trimestre, “Nena e o mar”.

Axiña comezou a charla e inmediatamente quedamos engaiolados polo relato ameno e fluido que a escritora, sempre cercana, nos fixo da súa vida e de como influiron nela as tres grandes paixóns que a acompañaron e guiaron desde cativa: os animais, o mar e a escritura. Co apoio dalgunhas imaxes fomos percorrendo a historia de Nena desde o momento en que naceu na imaxinación da escritora ata que se convertiu na obra gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015. Tamén nos encantou escoitar a fermosa canción que compuxo Matthew, a súa parella, inspirada no personaxe do fareiro. Para finalizar, Érica, asinou moi amablemente os nosos exemplares. MOITAS GRAZAS!!! Agardamos que os ciumes do teu can fagan que axiña poidamos gozar doutro dos teus libros.

GRAZAS, tamén, a Matthew por permitirnos compartir o seu talento cos lectores deste recanto. (Podedes escoitar máis cancións no seu canal de YouTube)

O pase de diapositivas require JavaScript.

Científicos do CSIC visitan o Rosalía na semana do Libro

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) únese en Galicia á celebración do Día do Libro.
Así,  o xoves 21 de abril, a Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia levou a cabo unha serie de actividades de divulgación ao redor da lectura e dirixidas ao público escolar do CEIP Rosalía de Castro (Lugo).

Por unha banda, tivo lugar sesións de Contos Cientificos para infantil e primeiros cursos de educación primaria: Contacontos do Polbo Octavio co obxectivo de que os participantes aprendan sobre a ecoloxía dos cefalópodos, achegar o traballo do persoal investigador ao público infantil e dar visibilidade ás mulleres na ciencia.

Por outra banda, tivo lugar un taller científico, Ciencia e ecoloxía nun conto infantil, relacionado co libro Don caballito de mar, de Eric Carle, para os últimos cursos de primaria.

Explicouse a importancia que ten o caballito de mar na preservación dos ecosistemas mariños, o seu valor ecolóxico e as súas particularidades biolóxicas. Atendendo ao argumento do conto, os nenos e nenas aprenderon que non son sempre as nais as que coidan a prole no reino animal. Falouse da estratexia reprodutiva única destes incribles animais e os diferentes métodos de camuflaxe que desenvolveron para sobrevivir.

Ambas as accións teñen por obxectivo transmitir conceptos sinxelos sobre ecoloxía mariña e conservación da biodiversidade mariña aos escolares. Estas iniciativas achegan o traballo do persoal científico e técnico dos centros do Consello, á comunidade escolar, mediante actividades de lecer e entretemento.

As actividades forman parte da Programación anual da Rede de Cultura Científica do CSIC, que está financiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía-Ministerio de Economía e Competitividade e coordinada pola Vicepresidencia Adxunta de Cultura Científica do CSIC.

O pase de diapositivas require JavaScript.

 

SEMANA DO LIBRO 2016

Aproveitando a semana do libro tivemos no noso centro diversas actuacións relacionadas co fomento da lectura e o hábito lector.

  • Para os nenos e nenas de E. Infantil e, en colaboración coa Editorial Hércules á que mercamos varios libros para a biblioteca, unha contacontos moi especial que, co axuda da súa guitarra, contou e cantou o conto : “A nai da nai da miña mamá”.
  • Para os mais maiores, os de 4º, 5º e 6º e, tamén de Hércules edicións recibimos a visita da editora Laura Rodríguez Herrera quen levou a cabo o obradoiro titulado “Como se fai un libro”, no que aprenderon distintos aspectos:  historia do libro, como se traballa o texto, as ilustracións ou fotos, maquetación, impresión, cadernación, etc.

O pase de diapositivas require JavaScript.

8 de marzo, DÍA Internacional da MULLER TRABALLADORA

O día 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller Traballadora, tamén chamado Día Internacional da Muller, no que se conmemora a loita da muller pola súa participación, en pé de igualdade co home, na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa. O lema deste ano «Empoderando ás Mulleres, Empoderando á Humanidade: Imaxínao!» recrea un mundo no que cada muller e cada nena poden exercer as súas opcións  e tomar as súas decisións, tales como participar na política, educarse, ter os seus propios ingresos e vivir en sociedades sen violencia nin discriminación.
En todos os centros escolares ponse de relevancia esta data coa finalidade de que esta mensaxe enchoupe o alumnado e agrome, por fin, unha sociedade xusta e igualitaria.
Ao longo da historia da humanidade as mulleres non tiveron doado incorporarse ás distintas áreas do coñecemento, polo que resulta imprescindible poñer en valor esas mulleres que, remando contra corrente, foron capaces de acadar as máis arduas metas, e así, canda elas, elevar ao resto do seu xénero.
Co título “Mulleres con luz propia na ciencia”, a biblioteca do centro propón ao alumnado investigar e recadar información sobre mulleres que fixeron importantes achegas no ámbito científico, e completar, entre tod@s, un mural situado na entrada do cole para que luza ben fermoso a partir do día 8 de marzo.

Pasiño a pasiño os nenos e nenas van enchendo o mural das mulleres con luz propia na ciencia coa información que acadaron coas súas pescudas. En equipo elaboraron as fichas informativas e colocáronas no lugar correspondente. Xa vai quedando menos para rematar o traballo e, a verdade, está quedando chulísimo.

Ese mesmo día e, en colaboracíón coa AMPA, os nenos e nenas do cole “estamparon” as súas máns de cor morada nunhas teas brancas, nas que tamén escribiron consignas e lemas para conmemorar esta data tan importante.

24 de febreiro, Día de Rosalía

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Elaboramos e enviamos unha postal cun deseño alusivo ao Día de Rosalía, e cun verso ou estrofa na que rapazas e rapaces realizaron un debuxo en torno á figura de Rosalía de Castro. Nós, fomos un paso mais aló e contactamos con outros centros de ensino que levan o mesmo nome que o noso e inteercambiamos as postais que elaboraron os distintos alumnos do centro.

Tamén fixemos marcapáxinas sobre a figura de Rosalía que mandamos ás casas e repartimos entre as librarías da nosa cidade.

EXPOSICIÓN: OuTRa VaCa No MiLLo

A exposición itinerante “Outra Vaca no millo” chegou ao noso colexio no día de onte, para achegarnos distintas informacións acerca da Enfermidade Celíaca  a través da Vaca Paca.

Os alumnos e alumnas amosaron moito interés por coñecer mais de preto os problemas cos que se atopan os que padecen dita enfermidade, os alimentos que poden inxerir, que é o gluten, que sucede se non segue o tratamento, que vida levan os celíacos … e moitas outras preguntas que xurdiron a medida que foron coñecendo máis sobre a Enfermidade Celíaca.

O pase de diapositivas require JavaScript.