Plan Proxecta: proxecto didáctico sobre Antonio Fraguas

Neste curso embarcámonos neste programa que consistiu nunha pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico do contorno inmediato do centro escolar. Elaboramos un traballo en equipo mobilizando aos membros da comunidade escolar e a nosa contorna. Neste traballo de investigación tivo unha función nuclear o alumnado, quen realizou a identificación de elementos patrimoniais e recoñeceu a súa importancia como elementos e valores cívicos. E, aproveitando que é o autor a quen se adican este ano as Letras Galegas, participamos asemade no Concurso – Exposición que coma todos os anos organizan dende a Secretaria de Política Lingüística da Xunta de Galicia e, aínda que os nosos carteis non foron os gañadores, decidimos expoñelos nos corredores do centro como mostra do gran traballo realizado por mestres e alumnos.

Apadriñamento lector

Rematamos o curso cunha das actividades máis fermosas e emocionantes que se levan a cabo no centro :O apadriñamento lector. Novamente, os libros e a lectura invadiron o patio do recreo. A ilusión, a emoción e a alegría da festa de compartir historias van máis alá da propia experiencia lectora. Quizais estes factores emocionais que envolven o ambiente crean un pouso nas mentes e nos corazóns que consiguen que cada ano todo o alumnado agarde con impaciencia revivir tantos sentimentos provocados polas palabras dun libro lidas con moito agarimo. Como é habitual, durante os días anteriores fixéronse os preparativos: escoller os contos na biblioteca, preparar a lectura e visitar as aulas dos “afillados/as” para facer os sorteos e as presentacións. Cando chegou o día todos acudiron á cita, sabedores de que a “hora de ler” deste día ía ser moi especial. Por fin, á hora prevista reuníronse no patio enchendo de maxia todos os seus currunchos…mentres os nenos e nenas buscaban un lugar onde sentarse comodamente. Pouco despois, os libros abríanse e voaban as palabras, que provocaban conversas, sorrisos e mesmo apertas e aloumiños. Ao finalizar o tempo de lectura, padriños, madriñas e afillad@s intercambiaron agasallos como lembranza dese momento tan especial e como expresión do desexo de repetir a experiencia en cursos vindeiros.