24 de febreiro, Día de Rosalía

O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e da Lectura, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de referencia da literatura galega. Son moitas as institucións que se suman desde hai anos a esta celebración do DÍA DE ROSALÍA e, na nosa Biblioteca aproveitamos para dar a coñecer ao alumnado os poemas, a vida e o significado desta gran autora. A obra de Rosalía cobra vida nas voces de nenas e nenos que recuperan en recitais, lecturas compartidas e todo tipo de actividades a forza da súa palabra. Unha vez máis voltamos colaborar coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega baixo o lema Do XIX ao XXI: libre o meu pensamento!.

Tivemos, tamén, unha celebración no exterior grazas á colaboración dun pai do noso centro que nos obsequiou con algunhas pezas musicais ao son da gaita galega.