PROXECTO: A ALIMENTACIÓN

Por primeira vez dende que estamos no PLAMBE, acordouse realizar un Proxecto Documental Integrado para todo o centro, dada a moi positiva experiencia de outros centros educativos, sendo a Alimentación o tema central coa pretensión de crear no noso alumnado unha motivación adicional por aprender e desenvolver as habilidades para buscar e xestionar a información e recursos que lle permitan acadar uns coñecementos concretos e encadrados no currículo ordinario, coa particularidade de que se poderán compartir estas aprendizaxes con toda a comunidade educativa.

Desde o punto de vista curricular, constátase que en todos os currículos do sistema educativo dos diferentes países, hai un interese grande nas cuestións nutricionais e alimentarias, non só do punto de vista biolóxico e a súa relación coa saúde senón tamén do punto de vista cultural e social.


Por outra parte, por moi eficientes que sexan os servizos de saúde que unha sociedade poida ofrecerlle á súa cidadanía, a prevención da enfermidade e a preservación da saúde dependerán sempre, nunha grande medida da adopción de estilos de vida saudables por parte das persoas. Estilos de vida que son sobre todo o resultado do combate a comportamentos de risco e da adquisición de coñecementos e competencias para a adopción de hábitos e rutinas saudables. Por outra parte, a relación entre agricultura e alimentación é evidente, e nese contexto xurde o noso Proxecto Documental, adicado á alimentación.