Contacontos na Biblioteca

Os alumnos e alumnas de 1º de primaria asistiron na Biblioteca a unha sesión de contacontos a cargo de Iago López Santos que tamén é mestre en Educación infantil.  No seu tempo libre dedícase ao mundo do teatro como actor e director en grupos como “Marañao” ou “Chéspir teatro”. Como autor de literatura infantil publicou os álbums “O cociñeiro Martiño” (Xerais, 2016) e “O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas” (Xerais, 2018), ambos os dous ilustrados por Macús Romero.

O pase de diapositivas require JavaScript.

24 de febreiro: día de Rosalía

Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro.
Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos…
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.

 María Reimóndez

 Extracto do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2018

Ademais das actividades da FUNDACIÓN ROSALÍA a  Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro.

A AELG abriu un blogue no que ir recollendo achegas creativas e iniciativas en relación con esta conmemoración.

O 24 de outubro está recollido no Calendario do Libro e da Lectura, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de referencia da literatura galega. Son moitas as institucións que se suman desde hai anos a esta celebración do DÍA DE ROSALÍA que as bibliotecas escolares aproveitan para dar a coñecer ao alumnado os poemas, a vida e o significado desta gran autora. A obra de Rosalía cobra vida nas voces de nenas e nenos que recuperan en recitais, lecturas compartidas e todo tipo de actividades a forza da súa palabra. Atopan mozos e mozas na lectura dos seus versos unha muller actual e poderosa que se amosa cada ano que pasa máis próxima a todos e todas, a medida que os investigadores van desfacendo cos seus estudos as capas de escuridade que nola ocultaban. Unha vez máis, A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convida neste 2018, baixo o lema #AbrideAFiestra, a celebrar este Día de Rosalía co agasallo dun libro galego e unha flor a amigos e familiares. Publica un manifesto na voz de María Reimóndez e propón, así mesmo, múltiples actividades ás que se poden sumar os centros educativos.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Un Entroido de cinema

Aproveitando o noso proxecto documental integrado sobre o cinema non quixemos deixar pasar a oportunidade de confeccionar uns disfraces moi axeitados para a ocasión. Cada aula ou cada curso elixiu unha película ou un tema relacionado co cinema e así, o noso centro converteuse por unhas horas nun auténtico plató cinematográfico polo que desfilaron “actores e actrices” dirixidos/as polos seus profesores e profesoras facendo unha interpretación de Oscar ou de Goya.

Non nos creedes pois mirade as fotos e comprobade o marabilloso resultado deste Entroido tan cinéfilo!!!

O pase de diapositivas require JavaScript.