Letras Galegas 2018: María Victoria Moreno

VÍCTOR F. FREIXANES, presidente da Real Academia Galega, nunha carta á comunidade escolar, anuncia a posta en marcha do proxecto web Primavera das Letras. Con esta iniciativa, a Real Academia Galega pretende facilitar recursos didácticos e lúdicos para o alumnado de infantil e primaria que lles axuden a se achegar á persoa homenaxeada o 17 de maio, MARÍA VICTORIA MORENO. Tal e como se expón en dita carta, os materiais de Primavera das Letras pretenden promover que a aprendizaxe arredor do Día das Letras Galegas non se limite aos días previos ao 17 de maio. Así, achega progresivamente desde finais de febreiro novas fichas didácticas e contidos interactivos que permiten profundar na aula, e na casa, tanto na vida e na obra de María Victoria Moreno coma noutros contidos e competencias do currículo escolar, desde a expresión oral e escrita ata a igualdade entre mulleres e homes ou a protección do medio natural…

Lembrámoslle ademais que a web da Academia,academia.gal, recolle na sección Letras Galegas un percorrido biográfico e imaxes da vida de María Victoria Moreno. Desde este espazo, a RAG tamén ofrecerá durante estes meses reportaxes e entrevistas sobre a escritora.

Semana da poesía 2018

Como cada ano celebramos a Semana da Poesía, sendo a data máis importante o 21 de marzo: Día Mundial da Poesía.
Este ano traballaremos poemas de Antonio García Teijeiro que foi galardonado co premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil polo seu libro “Poemar o mar”, ilustrado por Xan López Domínguez e publicado pola editorial Xerais en 2016.
O noso centro está a participar na IV edición do concurso “Galicia, auga, literatura e rap”. Nesta edición os escolares darán a súa visión das grandes obras da literatura galega nas que estea presente a auga pero a modo de rap. Aquí temos  aos alumnos de 6º de primaria rapeando diferentes poemas:

8 de marzo: día da muller traballadora

Este xoves 8 de marzo celebrarase o Día Internacional da Muller, para novamente conmemorar a loita por unha sociedade xusta e render homenaxe ao rol que desempeña a muller no mundo.
Na súa mensaxe para esta data, a Directora Executiva de ONU Mulleres, Phumzile Mlambo- Ngcuka, destaca o labor de activistas rurais e urbanas que loitaron polos dereitos das mulleres e a igualdade de xénero (LER MANIFESTO).

https://rosalialugo.wordpress.com/wp-content/uploads/2018/03/2bc22-iwd2b20182bweb2bbanners_infocus_es.jpg

Seguindo o noso proxecto para este curso elaboramos unha serie de murais relacionados coa muller e o cinema: guionistas, directoras, produtoras, vestiario, fotografía, pioneiras no mundo do cinema, etc que podedes ver nas seguintes fotografías.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Así mesmo e, en colaboración coa ANPA do centro, os alumnos e alumnas escribiron mensaxes a algunha muller relacionada con eles/elas (nai, tía, avoa, curmá, amiga, mestra … ) que, destacase por algo especial: AS MULLERES DAS NOSAS VIDAS.

O pase de diapositivas require JavaScript.