Visita na Biblioteca dun actor de doblaxe

O pase de diapositivas require JavaScript.

Enmarcada dentro do proxecto de Biblioteca que temos este ano en marcha “Luces, cámara e acción: Rodamos no Rosalía”, tivemos a gran sorte de que escapara un pouco do traballo que leva moitos anos realizando en Santiago de Compostela, Norberto Vilanova, actor de doblaxe e pai dun alumno do noso centro, quen compartiu con todos e todas as experiencias e o traballo que realiza na súa profesión.  E onte compartiu as súas experiencias neste oficio cos alumnos.  Con este tipo de actividades preténdese que os nenos se familiaricen coas técnicas audiovisuais, para que ao ver este tipo de produtos fágano cunha mirada crítica, e mesmo para espertar algunha posible vocación profesional.

Visita de María Canosa

Tivemos unha visita moi especial na nosa Biblioteca. Trátase de María Canosa, autora da obra Muriel que lemos os alumnos e alumnas de 6º B neste ano, e coa que se fixo merecedora do prestixioso Premio Merlín en 2017, despois de quedar finalista ata en 3 ocasións segundo nos relatou ela mesma. Contounos, coa súa voz tenra, como comezou a escribir as historias que estaban na súa cabeza de xeito que non as esquecera. Ata a publicación do seu primeiro libro, escribía para sí mesma; despois comezou a escribir para nós, para os lectores. Nós tiñamos unha morea de preguntas sobre Muriel, en quen se inspirara para definir as personaxes, se ía ter unha 2ª parte, que pasou coa avoa Belinda… María contestounos algunhas, outras dixo, eramos nós quen as tiñamos que responder pois non tiñan unha única resposta senon tantas coma lectores. Antes de marchar, asinounos os nosos libros e ata nos estampou un bico de bolboreta!

Que visita máis agaradable! Volve cando queiras!

O pase de diapositivas require JavaScript.

Cinema na Biblioteca: Día Mundial do Medio Ambiente

Antes Que Sea Tarde (Before The Flood) | Un documental de Leonardo di Caprio sobre o cambio climático

A obra, dirixida por Fisher Stevens, pretende concienciarnos sobre como inflúen as nosas accións como seres humanos na preservación da natureza e dalgunhas especies que se atopan en perigo de extinción. O peso deste documental, titulado Before the flood, está en que o seu autor non só apóiase en datos reais de subida da temperatura do planeta, algo que afectaría directamente a moitos ecosistemas, e en accións concretas que impactan negativamente no medioambiente, senón que ademais entrevístase con grandes personalidades como Barack Obama ou o papa para coñecer a súa opinión sobre o tema e preguntarlles como se está actuando desde as máis altas institucións. Ademais, o documental sobre o cambio climático tamén está enfocado desde un punto de vista científico, xa que conta coas opinións e impresións de membros da NASA que estudan o cambio no clima provocado directamente pola acción humana e tamén coas de membros de National Geographic que levan anos estudando este fenómeno.
Lembra que o cambio climático afecta de moitas formas á humanidade. Altéranse o clima e os ecosistemas, o que provoca á súa vez desprazamentos masivos, pois moitas persoas non poden abastecerse de recursos. Entre todos podemos frear esta situación