SEMANA DO LIBRO 2017: Ana Meilán, autora de “Lágrimas bajo la cama” visita a nosa biblioteca

Na semana do libro tivemos a oportunidade de contar coa autora do libro “Lágrimas bajo la cama”, Ana Meilán, que ademais é mamá de dous alumnos deste colexio.  Ana relatou aos alumnos e alumnas de 2º e 4º de primaria e, logo, en Infantil, as aventuras e desventuras de Simón, o neno protagonista do seu libro. Trátase dun conto autoeditado que é unha auténtica marabilla e cun personaxe entrañable que aquí nos conquistou a todos e a todas. Aquí e en moitas outras bibliotecas,  porque a primeira edición está case esgotada!

O conto fala con moito agarimo, tenrura e respecto sobre as emocións, en especial a tristeza, e como ás veces os pequenos só saben expresar o que senten a través do pranto. Á vez, fainos reflexionar sobre o perigo de reprimir as nosas emocións. O conto está cheo de detalles por descubrir e ademais móstranos unha sociedade igualitaria e sen estereotipos de xénero, onde un home pode chorar ou unha muller arranxar un cano.

O conto nárranos a historia de Simón, un neno que desde ben pequeno chora por todo. Por tantas cousas chora Simón que chega a desesperar un pouco aos que viven ao seu ao redor, por iso todos acaban dicíndolle sempre: “Simón es un llorón!”. Dixéronllo tantas veces que decidiu non chorar máis e gardar as bágoas de todas as persoas porque creu que así era mellor, cando a alguén se lle caía unha bágoa, ía co seu pano, recollíaa e logo gardábaa en botes que tiña debaixo da cama. Un día, fixouse en que as persoas se comportaban de maneira estraña, non reaccionaban cando un bebé tiña fame ou soño, cando un adulto estaba triste,  ata que entendeu que as persoas necesitan estar tristes ás veces, chorar e expresar os seus sentimentos sexan cales sexan porque tamén se pode chorar de alegría.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.